Ana KIRO

O FILME

Esta é unha historia de amor entre unha cantante e o seu público.

KIRO é unha película documental, musical e coral que celebra a figura de Ana Kiro e a relación extraordinaria que construíu co seu público ao longo de décadas.

Desde as verbenas de Galicia ata os escenarios de Europa e Latinoamérica, Ana Kiro converteuse nunha auténtica diva do torreiro: unha artista popular, próxima e desbordante, capaz de poñerlle voz á emigración, á morriña, á festa e á vida cotiá de varias xeracións.

Dirixida por María Yáñez, a película percorre o seu legado desde o presente a través das persoas que a escoitaron, a cantaron, bailaron con ela e continúan facendo súas as súas cancións. Unha celebración dunha icona pop galega e do poder emocional da música popular.

sinopse

Ana Kiro forxou o seu status de diva popular nos anos 80 e 90 percorrendo verbenas por toda Galicia, vendendo centos de miles de discos e casetes e actuando ante miles de persoas en Europa e Latinoamérica.

KIRO é unha celebración da súa figura e da súa especial relación co público. Unha película sobre o poder emocional da “canción lixeira” nunha cultura minorizada e marcada pola emigración.

Ficha básica

KIRO

2026
92 min
Documental · Biopic · Musical
Galego e español

Dirección: María Yáñez
Guión: María Yáñez, Cibrán Tenreiro, María Villamarín e Carlos Prieto
Produción executiva: Andrea Vázquez
Producida por: Andrea Vázquez e Xavi Font
Produción: Miramemira, Zuzú Cinema e Amorambre
Dirección de fotografía: Alicia Francés
Dirección de arte: Uxía P. Vaello
Montaxe: Carlos Prieto
Deseño sonoro: David Machado
Deseño gráfico: Equipo SOPA

QUEN FOI ANA KIRO?

Ana Kiro foi cantante, actriz, presentadora, emigrante, estrela popular e icona de masas para un país pequeno. Pero, sobre todo, foi unha artista cunha relación excepcional co seu público. A súa historia atravesa a emigración, a música popular, a televisión, as verbenas e tamén as contradicións dunha cultura que durante moito tempo non soubo moi ben onde colocala.

  • Ana Kiro sabía de que falaba cando cantaba á morriña.

    Ana Kiro

    Galega e emigrante en Barcelona, compartiu experiencia con boa parte do público que acabaría converténdoa nunha estrela: xente que vivía lonxe da casa e atopaba nas súas cancións unha maneira de volver, aínda que só fose durante uns minutos.

    Cando comezou a gravar en galego, cantou á terra, ás aldeas, aos traballos, ás festas e a esa Galicia idealizada que acompañaba a quen marchara. Por iso as súas cancións non falaban simplemente da emigración: falaban para os emigrantes.

  • Ana Kiro puido ser moitas cousas, pero escolleu ser unha estrela galega.

    Ana Kiro

    Nos anos 70 pelexou por cantar na súa lingua e por sacar adiante Galicia, terra meiga, un disco que acabaría vendendo máis de cen mil copias. A partir de aí construíu unha fórmula propia, feita de cancións en galego, melodías populares e historias nas que o seu público se recoñecía.

    Actuou en Europa e Latinoamérica, moitas veces para comunidades galegas emigradas, e acabou volvendo a Galicia para facer das romarías e das verbenas o seu gran escenario. Co tempo, mesmo optou por autoeditarse e seguir facendo a música que quería facer para a xente que a acompañara sempre.

    Máis que perseguir unha carreira fóra, Ana Kiro foi construíndo outra cousa: unha maneira propia de ser estrela desde Galicia e para o público galego.

  • Glamour intacto, entrega total e os pés no campo da festa.

    Ana Kiro

    Nos anos 80 Ana Kiro regresou a Galicia de forma definitiva, despois de percorrer escenarios de Europa e Latinoamérica, e converteu as verbenas no seu gran territorio. Podía actuar ante miles de persoas nunha romaría multitudinaria ou subirse ao palco dunha aldea remota coa mesma convicción.

    Era unha diva, si. Pero unha diva que deixaba claro que tamén era unha galega traballadora. E nesa combinación estaba boa parte do seu magnetismo.

  • Co tempo, Ana Kiro deixou de ser só unha cantante.

    Ana Kiro

    A finais dos anos 90, o seu carisma levouna á televisión, onde se converteu tamén en actriz e presentadora. Entrou nas casas galegas doutra maneira: xa non só a través dos discos, das casetes ou das festas, senón desde a pantalla, formando parte da vida cotiá de novas xeracións.

    A estrela das verbenas transformouse nunha presenza familiar, próxima e recoñecible. Unha desas figuras que parecen levar aí toda a vida.

  • Non todo o mundo soubo que facer con Ana Kiro.

    Ana Kiro

    Foi unha artista enormemente popular, moi próxima ao seu público e tamén unha figura chea de contradicións. Mantivo unha relación de proximidade con Manuel Fraga, pero ao mesmo tempo fixo da defensa do galego unha parte central da súa carreira e apoiou iniciativas a favor da normalización da lingua. Nas súas cancións e declaracións podían convivir posicións conservadoras con outras sorprendentemente abertas ou reivindicativas.

    E despois estaba a propia música. Mentres miles de persoas se recoñecían nas súas cancións, parte da intelectualidade e dos ámbitos culturais miraban con distancia unha artista asociada á verbena, á música lixeira e ao gusto popular.

    Quizais por iso Ana Kiro segue sendo unha figura tan interesante hoxe: porque obriga a preguntarnos quen decide o que é cultura, que músicas merecen prestixio e por que algunhas artistas populares tardan tanto en ser reivindicadas como iconas.

O SEU PÚBLICO

A historia de Ana Kiro tamén é a historia da xente que a escoitou, a seguiu e fixo súas as súas cancións.

Emigrantes

Ana Kiro cantoulle a unha Galicia que estaba tamén fóra do territorio.

A persoas como Emilio Pereira, taxista e membro da Agrupación Cultural Saudade de Barcelona ou a Manolo Valdés, locutor desde 1980 de Lonxe da Terra, un programa de radio dirixido á diáspora galega en Cataluña. Tamén Lola, Emilia e Concha, emigrantes retornadas e fans de Ana Kiro.

Nas súas voces reaparece esa conexión tan especial entre as cancións de Kiro e quen tivo que vivir lonxe: «Sentíala cantar e arrepiábachase o corpo. Parece que estabas alí en Galicia».

Fans actuais · A xente que a canta

Ana Kiro segue tendo público. E non sempre é o que poderiamos esperar.

A película achégase tamén a novas xeracións que reinterpretan a súa figura desde o presente. A escritora Brigitte Vasallo invócaa nunha investigación sobre as diásporas xunto ás súas veciñas de Chandrexa de Queixa; músicos como Nuno Pico, Sés ou Xosé Manuel Pereiro volven sobre o seu legado; e o artista drag Javier Sánchez, a través do seu personaxe Meiga-i, leva as súas cancións a outros escenarios e outras formas de expresión.

E despois está toda esa xente anónima que aínda canta e baila Ana Kiro: nunha partida de cartas, nunha rúa da Coruña, nunha sala de festas de Vigo ou nun monte rodeado de eólicos.

Familia e amigos

Detrás da icona estaba tamén Ana.

A película achégase á súa dimensión máis persoal a través de quen compartiu con ela a vida e o traballo: o seu marido, Carlos Rivero; a súa filla, Carmen Quiroga; os seus netos Iñaki Sanzol e Eva Quiroga; e persoas próximas como Anxo Lamas, Emilio Pato e Pura Fernández, fans e amigos persoais da cantante ou músicos da súa banda como Fernando Marán.

Tamén aparecen Xosé Ramón Gayoso, Manolo Abad ou Ana Cermeño, vinculados a Luar e amigos de Ana Kiro, que acompañaron a súa etapa televisiva.

A SÚA MÚSICA

OS SEUS MELLORES MOMENTOS

Onde ver?

— Cinemas
— Proxeccións especiais

Solicita unha proxección


    Scroll al inicio